Novo curso e... nova aventura competencial, afectiva e creativa!
Iniciamos o curso 2025-26 cun novo Proxecto Documental Integrado (PDI): "Marabillarte". O título do PDI, composto polo verbo “marabillar” e o substantivo “arte”, busca que a comunidade, co alumnado como protagonista, se sorprenda, admire as 7 artes mediante procesos de investigación e tratamento da información que amplien o coñecemento propio e alleo.
A arte definida como cada un dos dominios en que o ser humano pode pór en práctica a súa capacidade creadora con fins estéticos: literatura, arquitectura, escultura, pintura, música, danza e cine.
Adoptamos as célebres citas de Paul Klee (pintor),
“A arte non reproduce o
visible. Fai visible aquilo que non o é”,
e de Jean-François Lyotard (filósofo posmoderno),
“A educación é a arte de
facer visibles as cousas invisibles”,
para pór o acento na necesidade de desenvolver o pensamento crítico, empático e creativo, para interpretar a realidade e comprendela mellor, para seguir descubrindo o mundo que nos rodea, e as marabillas que nos ofrece, mediante as múltiples artes e o poder transformador da educación.
Seguimos na procura do obxectivo 4 da Axenda 2030, educación de calidade, mediante o tratamento curricular de carácter transdisciplinar e transversal do presente PDI. O PDI como alicerce para o uso dos espazos e recursos creativos da nosa Biblioteca-Leolab, onde seguir lendo, investigando, experimentando, vivenciando, compartindo, convivindo…, dando tratamento a diversos obxectivos da Axenda 2030: saúde e benestar emocional, igualdade de xénero, paz, comunidades sustentables, accións polo clima, vida mariña e terrestre…
Un PDI para... MARABILLARTE!

