Amosando publicacións coa etiqueta BE-DL. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BE-DL. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de maio de 2026

Guía de verán 2026

Guía de verán 2026 de bemilladoiro

Presentamos a guía de verán 2026 que entregaremos á comunidade o último día lectivo do curso.

Unha guía que acolle lecturas e xogos para o tempo de lecer. Lecturas que atenden a diversos xéneros: narrativa, clásicos, banda deseñada, informativos...

Lecturas e xogos para este verán ou calquera día do ano.

Feliz verán lector a tod@s!

xoves, 14 de maio de 2026

GaliLetras 2026

Presentamos, no Mes das Letras, o libro de produción propia no que a escritura creativa: narración, poesía, banda deseñada... reforza o uso da nosa lingua nai, de recursos como a mesa de luz e de espazos como a aula croma.

Parabéns por tanta imaxinación e creatividade, un libro para... MARABILLARTE!

xoves, 30 de abril de 2026

AS NOSAS LETRAS: Begoña Caamaño

 

Última exposición do curso, AS NOSAS LETRAS!, adicada a Begoña Caamaño homenaxeada do Día das Letras Galegas 2026.

Begoña foi xornalista, escritora e activista, mobilizándose sempre en defensa dos dereitos e das causas xustas. Muller que é imprescindible coñecer, xunto coas súas obras: Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle. Conmemorando a escritura en galego, a lectura, en palabras de Begoña Caamaño:

"Leo porque quero cambiar o mundo,

leo porque necesito facer habitable o meu mundo.

Entón, por que escribo?

Porque sentín a necesidade de me ler a min mesma”

Achegamos enlaces a recursos en liña para afondar na súa vida e obra:

Ao tempo, compartimos os dez carteis que chegaron ao centro para conmemorar as Letras Galegas 2026, carteis e guía didáctica elaborada polo colexio Plurilingüe de Ribadavia que gañou o certame convocado pola Xunta coa proposta Begoña Caamaño, un camiño de sementes.

Leo anímate a... marabillarte con Begoña Caamaño!


xoves, 23 de abril de 2026

Día do Libro 2026

 

Conmemoramos o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor 2026 coa exposición temporal que acolle o lema da Asesoría BEGA, Viaxe á creatividade. 

Unha exposición a disposición da comunidade con diversidade de exemplares que animan a emprender unha viaxe en cada lectura: viaxes creativas, humorísticas, emotivas, lúdicas, informativas...

Achegamos enlace á Postal do Día do Libro 2026, agasallo de Eva Mejuto para as bibliotecas escolares de Galicia celebrando o libro e a lectura. Premer na imaxe para acceder á publicación da Asesoría BEGA.

Felices lecturas, hoxe e todos os días do ano!

Lecturas como as que realizaron os grupos-aula pola vila de Malpica, para exercer o dereito a ler en claquera sitio, divulgando a lectura e o libro. Premendo nos seguintes enlaces accederedes ás publicacións realizadas nos blogs de ciclo, lectura na rúa e merenda saudable:

luns, 23 de febreiro de 2026

AS NOSAS LETRAS: Rosalía de Castro

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Conmemoramos o Día de Rosalía de Castro coa exposición AS NOSAS LETRAS, exposición trimestral que acolle exemplares de diversas autorías galegas.

Exposición da que o alumnado de 4º de infantil fixo bo uso, celebrando o Día de Rosalía e desenvolvendo a biografía da autora en relación coa Semana da Muller 2026, adicada a mulleres galegas relevantes en diversas artes, e o PDI que nos ocupa.

Premer na imaxe para acceder a máis información

Ao tempo, o alumnado de 3º de primaria realizou a proposta do equipo de BE-DL espallando a escrita de Rosalía de Castro.

Feliz Día de Rosalía, hoxe e todos os días do ano!

venres, 30 de xaneiro de 2026

EmocionARTE pola Paz!

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Premer na imaxe para acceder ao documento

Conmemoramos o Día Escolar da Non Violencia e a Paz coa proposta do equipo de biblioteca-dinamización da lingua: emocionARTE pola Paz!

Unha proposta encamiñada a dar tratamento ás emocións en relación coas 7 artes que presiden o PDI de centro: Marabillarte. Proposta que recolle múltiples recursos dixitais para coñecer, investigar e informarse mediante o mural que preside o corredor do 1º andar e a enquisa en liña para realizar as valoracións finais mediante emoticonas.

A conmemoración completouse coa actuación, na nosa biblioteca, do alumnado de 3º de primaria. O coro das emocións, enmarcado dentro do programa Educación Responsable e dirixido polo mestre de Música, Keko, emocionou a pequen@s e maiores. Parabéns pola emotiva actuación!

Seguimos poñendo o acento nas emocións e nos valores da cultura da paz, educando por e para a paz todos os días do ano, fuxindo da polarización e da pasividade, crendo en comunidades éticas e cívicas.


luns, 15 de decembro de 2025

Guía de Nadal 2025

Guía de Nadal 2025_BE Milladoiro de Fátima Romero Olveira

Un ano máis chega a guía de Nadal. Unha guía que recolle lecturas diversas para lectores/as divers@s.

Un Nadal cheo de palabras. Lecturas que acollen palabras emocionantes, divertidas, curiosas, rebuldeiras para compartir, informarse, rir...

A seguinte imaxe reflicte a exposición de Nadal, a cal acolle máis lecturas para agasallar.

Regalos para este Nadal ou calquera día do ano. 

luns, 27 de outubro de 2025

XVI Lecturas Terroríficas na biblio 2025

 

Celebramos a chegada do Samaín coa XVI Semana das Lecturas Terroríficas na biblio.

Producións propias e alleas que se representarán ao longo da semana no escenario da nosa biblioteca, dinamizando a lingua, animando á lectura e á escritura, conmemorando.

A música, o cine e a literatura como artes a tratar, atendendo ao PDI que nos ocupa.

Recomendamos visitar os blogs de ciclo para coñecer e saber máis sobre cada actuación.

Unha semana de cantos e contos para pasalo... de medo!

xoves, 16 de outubro de 2025

Día das Escritoras 2025

Premer na imaxe para acceder ao álbum de fotos

 Literatura. A arte da palabra... escrita! ELAS, ESCRIBEN! é o título do mural que preside o corredor do 1º andar para pór en práctica a formación de usuari@s, conmemorando o Día das Escritoras 2025.

O mural, atendendo ao PDI que nos ocupa, destaca a arte de 6 escritoras que é imprescindible coñecer. Ao tempo, achegamos caderno-informe para dar tratamento a diferentes contidos da formación de usuari@s: sinaturas, datos identificativos dos libros, catálogo da nosa biblio...

Premer para acceder ao caderno-informe

Ao longo do mes de outubro, todas as aulas teñen a súa disposición este valioso recurso, valorando a arte da literatura escrita por... ELAS!

Quen se une ao reto? 

Leo quere... MARABILLARTE!


mércores, 15 de outubro de 2025

AS NOSAS LETRAS: Fina Casalderrey

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Iniciamos curso coa exposición trimestral adicada a autorías galegas, AS NOSAS LETRAS!

No 1º trimestre celebramos a escrita de Fina Casalderrey, mestra, escritora e membro da Real Academia Galega. Autora que é imprescindible coñecer e... ler!

Ao tempo, a exposición é un excelente recurso para apoiar o itinerario lector de 6º de primaria, que acolle no Plan lector 2025-26 o exemplar de Fina, Dúas bágoas por Máquina. Exemplar ao que tamén darán tratamento no programa solicitado no presente curso: Clubs de lectura.

Leo anímate a... marabillarte con Fina Casalderrey!