mércores, 10 de decembro de 2025

Biblio-Retos: RETARTE! (1º trimestre)

Premer na imaxe para acceder á galería de fotos

Ao longo do 1º trimestre os biblio-retos do mural RETARTE! tiveron moi boa acollida.

A arquitectura, a pintura e a música foron as tres artes protagonistas. O alumnado, de maneira voluntaria, ocupou os seus recreos en superar os retos mediante os cadernos-informe que debían depositar na urna correspondente para ser valorados e recibir o premio final. Todos/as superaron os retos sen dificultade.

O cine será a arte que dea continuidade a esta actividade no 2º trimestre. Actividade relacionada co PDI que nos ocupa e dinamizada polo equipo de Biblioteca-Dinamización da Lingua, co obxectivo de desenvolver a alfabetización múltiple e o acceso á información mediante os recursos da biblioteca.

Continuará...

venres, 5 de decembro de 2025

Clásicos.. do mes!

Premer imaxe para accede á galería de fotos

Este curso inauguramos nova exposición na biblioteca, atendendo á literatura como arte recollida no PDI de centro. Concretamente á literatura clásica, lecturas atemporais e universais que se instalan, moitas veces, no imaxinario de todas/os sen a necesidade de ser lidas.

Visibilizar exemplares de tan alto valor educativo e cultural é imprescindible; así Ítalo Calvino recórdanos que

 "Se llama clásicos a los libros que constituyen una riqueza para quien los ha leído y amado, pero que constituyen una riqueza no menor para quien se reserva la suerte de leerlos por primera vez en las mejores condiciones para saborearlos"

A seguir gozando da literatura, a arte da palabra.

mércores, 3 de decembro de 2025

Decálogo inclusivo pola disCAPACIDADE

Hoxe, Día Internacional das persoas con disCAPACIDADE, presentamos o noso decálogo inclusivo. Un decálogo de tod@s, un decálogo diverso para promover os dereitos e o benestar das persoas con disCAPACIDADE.

Valorar hoxe, e todos os días do ano, que tod@s somos capaces sempre e cando... 

SUMEMOS CAPACIDADES!